Hoxe propoñemos un contiño agarimoso para repasar os adxectivos e os seus graos.Lembrade que é moi importante ler detidamente o texto para contestar as preguntas de comprensión.
O gato Basilio e a lúa
Hai moito tempo existiu un pobo onde vivían felices moitísimos gatos. Eran de todos os tamaños e de todas as cores, e viñan de todas as partes do mundo atraídos pola tranquilidade que nel se respiraba. Era un pobo precioso de casas de madeira e rúas de pedra no que a convivencia entre os felinos era moi apracible. Pasaban os días saltando polos tellados, perseguindo ratos polas rúas e acariciando as súas pelaxes.Ata que un día chegou Basilio ao pobo. Era un gato de pelaxe branca e longos bigotes que facía exactamente o mesmo que o resto, pero pronto se aburriu de repetir a mesma rutina. Así empezou a pasar longas horas apampado mirando a lúa e vendo como o seu reflexo prateado bañaba todo o pobo.
-“Vas quedar parvo de tanto mirala” dicíanlle os outros gatos que non entendían o seu interese.
-“Non ves que non conseguirás nada! Por máis que a mires, a lúa non baixará a estar contigo.” Repetíanlle continuamente.
Pero Basilio non quería que a lúa baixase a facerlle compañía, o que lle importaba era aquel aire de maxia que tiñan as noites nas que a súa luz invadía todos os recunchos. Aquela misteriosa e distante lúa redonda facíao soñar. Soñaba con alcanzala, con abrazala e con entender como era capaz de transformarse de maneira tan incrible.
Só a súa amiga Amalia se preocupaba por el e trataba de que se esquecese daquela obsesión. Basilio que gozaba falando con ela dicíalle:
-“Non ves o fermosísima que é? Hoxe está máis brillante e grande que nunca, pero tamén máis lonxe. Poderemos algún día chegar ata onde está?”
Amalia estirábase enfadada e lanzáballe un gruñido.
– Cantos paxaros tes na cabeza!
Pero Basilio non tiña paxaros senón soños e quería cumprilos todos…
– Teriamos que viaxar, coñecer outros lugares e perseguir a outros animais máis grandes ca nòs- Repetía suspirando Basilio.
Ata que un bo día adesapareceu sen dicir nada a ninguén.
– Marchouse a buscar os seus soños. Chegaría ata a lúa?– preguntábase con curiosidade Amalia…
Nunca máis se soubo de Basilio, pero algunhas noites de lúa chea hai quen mira cara ao ceo e pode distinguir entre as manchas escuras da lúa uns bigotes alongados.
Non todos poden velo. Só os soñadores son capaces.
Es capaz ti?
Estades preparados para responder ás seguintes preguntiñas? 😸
1. Quen é o protagonista da historia? 2. Como se chamaba? 3. Onde vivía? 4. Que lle gustaba facer? 5. Con que soñaba? 6. Como se chamaba a súa mellor amiga? 7. Que lle dicía a súa amiga? 8. Que pensaba a súa amiga que lle pasou a Basilio ? 9. Quen pode velo? 10. Busca todos os adxectivos que aparecen na lectura e di en que grao se atopan. |
🔶GRAOS DO ADXECTIVO